GALICIA HOXE 23/092008
Aposta pola eurorrexión Galicia-norte de Portugal
A comunidade galega e o país veciño asinan o convenio que constitúe o primeiro organismo europeo de cooperación territorial ·· Cardoso Lage asume a presidencia rotatoria
AXENCIAS . SANTIAGO
Pérez Touriño, abrazándose co portugués Carlos Lage, en presenza da ministra Elena Salgado, onte, en Santiago
FOTO: Lavandeira jr
Galicia e o norte de Portugal dispoñen desde onte dun instrumento xurídico para profundar nas relacións de cooperación transfronteiriza aprobar os estatutos e a constitución da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT).
A firma produciuse onte tras a reunión do VIII plenario da comunidade de Traballo Galicia-norte de Portugal celebrada en Santiago, no transcurso da cal se procedeu, ademais, á substitución na presidencia, de modo que Carlos Lage, pola Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte ocupará o cargo en lugar do titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño.
Pérez Touriño asegurou durante o discurso de clausura da reunión, tras a firma dos estatutos da AECT, que o horizonte de desenvolvemento entre estas dúas rexións a partir de agora "non ten límite, nin xeográfico nin económico".
Segundo o titular da Xunta, este novo instrumento xurídico coloca á eurorrexión Galicia-norte de Portugal á "vangarda" da UE en "cooperación", xa que ata o momento só existían dous AECT anteriores, unha entre Francia e Bélxica e outra entre Hungría e Eslovaquia.
O presidente galego avogou por unha "nova relación de segunda xeración" entre Galicia e o norte de Portugal, na que os "lazos culturais, históricos, sociais, políticos e económicos" serán máis "estables".
Carlos Lage, recordou os séculos de "divorcio e amnesia" entre ambas as rexións dun e outro lado do Miño e destacou o xesto de afrontar unha aventura política nunha Europa sen fronteiras coa constitución deste novo organismo que terá sede en Vigo. Sinalou que entre os obxectivos do seu mandato, os próximo dous anos, continuará coa posta en marcha dos obxectivos do Plan Estratéxico 2007-2013 entre ambas as rexións, que pasan por aumentar e mellorar as relacións institucionais, as infraestruturas de comunicación e os proxectos de investigación, entre outros.
A ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, apuntou os obxectivos "ambiciosos" da AECT e mostrou o apoio "entusiasta" do Goberno de España con este novo órgano xurídico.
O orzamento inicial da agrupación son 200.000€
A primeira presidencia da AECT corresponderá a Portugal e a parte galega ocuparase da secretaría. Ademais, haberá unha asemblea con catro membros portugueses e catro de Galicia. O orzamento inicial da Agrupación é de 200.000 euros, sufragado ó 50% por Galicia e Portugal, aínda que tamén será o organismo encargado de xestionar o Plan estratéxico de cooperación 2007-2013 entre as dúas rexións, dotado con 97 millóns de euros.
Un dos obxectivos prioritarios da AECT é mellorar os instrumentos para a captación de fondos europeos, co fin de financiar proxectos e servizos de interese común.
Esta será a terceira comunidade peninsular en importancia demográfica e económica, xa que agrupa case 6,5 millóns de habitantes e conta cun PIB conxunto de 90.000 millóns de euros.
Fonte:
http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php ... cia=345502